Con la tecnología de Blogger.

Creative Commons

lunes, 11 de julio de 2016

A flor entre as silveiras

Ilustración: Marta Santos
Era unha vez unha flor que medraba no medio da maleza. Medraba pouco, pois as silveiras que todo cubrían roubábanlle o aire, os nutrientes e maila luz do sol.

Mellor dito: non é que llos roubaran, senón que collían máis do que lles correspondía, e logo non quedaba para ela.

Mais a pequena flor non se queixaba. Tiña medo. Naquela fraga, se alguén medraba alto e forte, aínda que fora unha silveira, non se lle podía tusir.

Un día, a flor atopouse a piques de esmorecer. As silveiras coméranlle tanto terreo, e tapábanlle tanta luz, que apenas lle quedaban forzas para manterse con vida.
As dúbidas comezaron a bulir no seu caletre.

–Teño que medrar máis para coller máis luz. Senón, hei morrer. Mais se o fago, as silveiras anoxaranse moito comigo.

A flor mirou cara arriba, e viu as silveiras que eran grandes e fortes. Xamais podería medrar coma elas. Ela non tiña forza. Ela era unha flor pequena e feble. Non tiña máis opción que deixarse morrer...
Esta conclusión deixouna amoucada.

Así e todo, aceptouna. Comezou a murchar e deixouse caer, pouquiño a pouquiño, na terra.
Unha pequena fada que pasaba por alí viuna, e non puido evitar espantarse. Agora ben, como era unha fada, deseguida se repuxo e tomou acción. Colleu unha pequena regadeira e botoulle auga á desfalecida flor. Engadiulle abono á terra que a rodeaba e retirou un pouco as silveiras para lle deixar claridade á plantiña que xa estaba a piques de murchar. As silveiras protestaron un pouco, pero quedaron tranquilas.

A flor, confusa, volveu en si e quedou abraiada ao ver a pequena fada coidando dela.

– Quen es? Por que me coidas? Non te preocupes por min, son unha pequena flor e xa estou a piques de morrer.

A fada, tristeira ao escoitar as verbas daquela plantiña, replicoulle:

–Non te deixes morrer. Non o fagas nunca. Nesta fraga non medran as flores dende hai séculos. As silveiras chegaron un día de outono de fai moito, moito tempo, e acapararon toda a terra para elas. Dende entón non vin ningunha flor por aquí. Cando te vin, aínda que estabas desfalecida, por primeira vez tiven esperanza. A fraga precisa que medren as flores coma ti para volver a ser a de sempre.

A flor dubidou, pero decatouse de que medrar xa non era unha cuestión dela soa. Que ela medrara era necesario para a fraga. Ela amaba moito aquela fraga que a vira nacer, e o amor que sentía por aquela terra deulle forzas.

–Está ben, medrarei. Non será doado, pero aínda que me teña que enfrontar por primeira vez ás silveiras, fareino.

Dito isto, a flor fixo a fotosíntese aproveitando as forzas que lle deran a auga, o abono e a luz que lle proporcionara a fada. Comezou a medrar moi grande e moi forte, pero lentamente como fan todas as plantas. Por iso as silveiras tardaron moito en decatarse de que a flor estaba medrando. Pero o proceso non se detivo, e chegou o momento no que a flor estaba a piques de ser tan alta coma as silveiras.

Aquel intre era o decisivo.

A flor tería que falar con elas para que a deixasen recibir a luz que lle correspondía. Tería que sacar o valor que nunca tivo para enfrontarse ás silveiras e reclamar o que era seu. Sabía que elas se ían incomodar, sabía que non a ían deixar medrar polas boas porque levaban tantos anos abusando que pensaban que o que roubaban era o xusto. Pero se non llo dicía, tería que renunciar á luz do sol e acabaría murchando de novo.

–Oes, ti, quita do medio que nos estás roubando a luz –comezaron as silveiras.
–A luz do sol é para todas –replicou a flor, que xa non se sentía tan pequena. Non obstante, aínda había un deixe de medo nas súas verbas. Tremíanlle as follas.
–Como dis? –incomodouse a silveira máis grande–. Pero ti quen cres que es?

A flor non se arredou. Notaba o seu talo tremente, mais as palabras da fada xurdiron deseguida na súa cabeza:

“Cando te vin, aínda que estabas desfalecida, por primeira vez tiven esperanza. A fraga precisa que medren as flores coma ti para volver a ser a de sempre.”

Non importaba que tremera. Non importaba que tivera medo. O único importante era que, se non se enfrontaba ás silveiras, ninguén o faría por ela, e a fraga tería menos flores das que xa tiña. Non podía deixar ás silveiras arrasar con todo outra vez. Así que, de corrido e sen respirar sequera, falou.

–Vós non sodes as donas da fraga. Fai moitos, moitos anos, vivíamos nela todas as plantas tranquilamente. Pero un día chegastes vós. E, no canto de respectar o equilibrio e a harmonía da fraga, deixástesvos levar pola vosa cobiza. Xa tiñades dabondo para vivir, pero desexastes máis. Máis luz, máis terra, máis auga que as outras plantas. E comezastes a roubarnos ás demais o que necesitabamos para vivir. Deixastes a fraga sen flores, e non vos importou. Con todo, agora vos digo: a fraga non é vosa. A luz, a terra e a auga son para todas. Se vós non o entendedes, se vós non o respectades, entón as únicas que sobran aquí sodes vós.

As silveiras anoxáronse coma nunca na vida se anoxaran. Comezaron a insultar á flor, incluso trataron de picarlle cos seus pinchos aínda que non lle alcanzaban. A flor aguantou no seu lugar, queda, sen moverse.

As silveiras continuaron alborotadas durante moito tempo, mais cansáronse de berrar e loitar sen que a flor reaccionara violentamente, e o seu enfado foi esmorecendo e converténdose nunha silenciosa hostilidade. Hostilidade que, así a todo, deixaba á flor tranquila e outorgáballe a luz, a terra e a auga que precisaba.

Pois as silveiras, aínda que non o recoñecesen por fóra, sabían que non tiñan dereito a roubarlle toda a luz, toda a terra e toda a auga e fóranse retirando, deixándolle un pequeno espazo á flor que esta aproveitou para medrar todo o que precisaba.

Ela decatouse de que as silveiras só roubaban porque ninguén con forza interior lles dixera nada.

Pasaron os anos, e a fada que animara á flor volveu pola fraga. Agora era un lugar completamente diferente. Moitas plantas de tódalas especies imaxinables volvían darlle vida a aquel lugar, mentres as silveiras permanecían nun recuncho.

A flor protagonista do conto medraba espléndida e feliz, e a fada preguntoulle o por que de tanto cambio.

–Despois de enfrontarme ás silveiras, e de ver que conseguira medrar, moitas flores pequenas que estaban esmorecendo coma min e que case non se vían, decidiron imitarme. As flores creceron e creceron por toda a fraga, mentres as silveiras volveron ó recuncho que lles correspondía.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Template by:
Free Blog Templates